mércores, 29 de agosto de 2018

Xuaces - Viveiro pola Senda Costeira

Concellos: Xove e Viveiro

Medio de Transporte: Feve

Lugares: Xuances, Praia de Portonovo, Monte Faro, Praia de Area, Celeiro, Viveiro.

Distancia: 12,5km. Ou 16km subindo a Monte Faro

Percorrido: Chegaremos ao apeadoiro de Xuances no tren que sae de Ribadeo ás 11:30, imos cara ao norte ata chegar á Igrexa de Xuances e seguimos dirección NO ata chegar ao mar. Desviarémonos para visitar a Punta Pardiñas e a praia de Portonovo, e volvendo á senda achegámonos a Monte Faro, con a opción de subir ou seguir.


A Senda Costeira lévanos a praia de Area, e seguíndoa visitamos Celeiro e a parte de Viveiro que o horario nos permita para regresar no tren que chega a Ribadeo ás 18:30.

xoves, 24 de maio de 2018

Burela - Foz

O primeiro sábado do mes de xuño adórnanse as rúas de algúns lugares con frores e outros elementos. Ver a diferentes persoas traballar de maneira colaborativa é o motivo para a escolla do paseo deste mes.

Concellos: Burela , Foz
Lugares: Burela, Cangas, Nois, Fazouro, Marzán, Foz
Transporte: FEVE
Distancia: 13 ou 15 ou 20 ou 25 km, segundo as posibilidades.

Viaxando no tren que pasa por Ribadeo ás 11:30 con billete de ida e volta a Burela, estaremos ás 12 en Burela onde pasearemos pola rúa, que foi principal, mirando o quefacer da xente.
Iniciaremos despois o camiño pola senda costeira que ven cara ao leste pasando por os lugares de Pasada das cabras, Perdouro e o Cantiño en Burela.
Na Enseada da Areoura, onde están a praia do mesmo nome e a dos alemáns, fais e o cambio de concello.
A seguinte enseada foi feita e desfeita polo Rego Real, e sálvase pasando baixo a estrada xeral, cara ao sur, augas arriba do Real, algunha costa arriba tamén, pero enseguida saímos a Cangas onde a visita aos miradoiros sobre o cantil, á igrexa e rectoral son imprescindibles.
Dende aquí ata Foz non mais que seguir a senda con as opcións de parar e coller o tren de regreso, en función das forzas ou da fartura de tanta uña de gato:
En Nois, despois de 13 km
En Fazouro, sendo a distancia 15 km
En Marzán e xa van 20km
Ou chegar á estación de Foz 25 km
O tempo dispoñible é de seis horas

xoves, 10 de maio de 2018

Río Covo






Concello: Cervo

Parroquia: Lieiro – San Ciprián

Distancia:12 km
Transporte: FEVE

Percorrido: Tomando como punto de partida a estación de FEVE de San Cibrao hai que baixar á estrada e dirixirse á esquerda ata chegar a unha curva pechada para ver un camiño que á dereita vai cara ao río Covo, na súa beira, o paseo vai augas arriba achegándose a unha ponte medieval, pouco antes dela sae un carreiro que vai ao son do río. 


Pasado o primeiro grupo de casas, e unha ponte, vese unha fonte na marxe dereita da estrada, detra dela, sae outro carreiro, por o que se volve cara ao mar ata chegar a Lieiro.  

Pasando xunto a igrexa vaise en dirección noroeste ata a costa, cerca da factoría de Alúmina, desde alí pódese vir polos penedos de granito ata a praia da Areosa onde pola estrada paralela á costa baixaremos as antigas fábricas de salga, á beira da Ría de Lieiro, desembocadura do río Covo.
Camiñando cara a San Cibrao polo paseo peonil  vese a construcción, aberta e pensada como expositor, que reproduce a das antigas carpinterías de ribeira. Continúa o paseo polas praias, pasa polo istmo, e indo cara á esquerda vaise ganando altura por congostras e escaleiras ata chegar ao faro. 

Rodeada a península e sempre a beira do mar o paseo segue ata o campo de fútbol de Belavista. Ao seu remate continúa un carreiro, primeiro de terra e despois  por as rochas de granito que forman este litoral. 

Chegando ao Portelo unha senda sae á estrada da costa e por a que se vai cara a San Cibrao. Para evitar o asfalto, éntrase por a primeira pista á esquerda, que ten unha ponte sobre a vía do tren, levando a  mesma dirección que a estrada ata chegar a unha estrada actualmente en obras na que se baixa á dereita chegando así ao punto de partida.


Teresa Díaz Estévez

mércores, 25 de abril de 2018

Costa de Cervo



Trazado: Wikiloc

Concellos: Cervo, Burela, Foz

Lugares: San Ciprián, Fontao, A marosa, Burela, Cangas

Transporte: FEVE

Percorrido: Imos no tren á estación de San Ciprian, e camiñando cara ao leste, saímos á praia do Torno, imos por ela ata o itsmo e xa estamos no Camiño natural da Costa, non hai mais que seguir os indicadores, e unhas veces entre casas rurais, outras por bolos graníticos, ou pola area na praia da Marosa imos indo ata Burela (13 km) ou ata Cangas (19 km) para coller o tren de regreso.

martes, 24 de abril de 2018

Vilapedre - Puerto Vega - Navia

Trazado: wikiloc

Concello: Navia

Transporte: FEVE

Distancia: 16 km

Percorrido: Do apeadoiro de Vilapedre, sempre ao norte ata Puerto Vega e despóis ao oeste ata Navia pola senda costeira, non sobra moito tempo para o café se queremos coller o tren de regreso.
Saída de Ribadeo ás 11:30, chegada a Vilapedre ás 12:37 e o tren regreso cóllese ás 17:39

De Viveiro a Xove polo Penedo do galo

Trazado: Wikiloc

Concellos: Viveiro, Xove

Transporte: FEVE

Distancia: 16 km  

Desnivel: 600 m

Percorrido: Saímos do apeadoiro de Viveiro por o lavadoiro, collemos á esquerda e aos poucos metros xa atopamos as indicacións da subida a San Roque, onde vemos uns cercados, moi amplos, con muflóns, gamos, burros, ... e unhas panorámicas que xustifican a subida.

Continuamos subindo ao Penedo do Galo e ampliamos a perspectiva e paramos a comer.
Quedan 8 km en baixada por pistas ata Xove. Hai que ter en conta o tempo e non despistarse para non perder o tren de regreso.

domingo, 22 de abril de 2018

Ruta en coche: Os primeiros poboadores. Parque Historico do Navia


Son 180 km de distancia, con un tempo estimado de tres horas e media en coche.

O plan é sair de Ribadeo, parar na Veiga a comprar unha empanada, e seguir cara a Barbeitos para tomar o café.

Ir aos túneles de Penafurada, aos túmulos e petroglios e parar en Castro a ver o museo. E continuar ao mirador da Paicega ou ao de San Esteban para comer a empanada.
Castro de Castelón, castro de San Isidro volta cara Illano e o Folgueiorou. Outro café?

Boal, Penouta con paseo ao penedo Abalón e ao mirador da costa e  baixar cara á Caridad parando nas Covas de Andía.

Non tiven en conta no percorrido:
 A cova do demo: demasiada subida polo monte.
O Dolmen entre Navedo e Barandón e a area recreativa das Virtudes: Están do outro lado do río o que implica moita volta e para ir ao dolmen hai que andar bastante.
Castro de Pendia: ou de Coaña, ¿hai alguén que non fora?


xoves, 12 de abril de 2018

Fraga de Teixido

   
                                                                                       
Concello: Trabada

Distancia:12 km
Como chegar: Arranca este paseo circular do lugar sinalado como punto de partida para a ruta da Fraga da Becerreira, nun desvío á esquerda da estrada provincial nº 55; aproximadamente a 2,7 km de Trabada en dirección a Riotorto.
Ao deixar os coches vólvese a estrada xeral para atravesala e ir subindo por un camiño de pendente suave, seguindo as indicacións, non sempre fáciles de atopar. Despois de pasar a Fraga de Santo Estevo e a de Teixido déixase a pista para subir á esquerda, entre pinos, quedando o val de Lourenzá á dereita, este camiño continúa ata a estrada xeral que de novo se atravesa. Hai agora a opción de dirixirse cara a un tendido eléctrico para subir ao Picato, unha das maiores alturas da Serra da Cadeira. 
Ao oeste, o Val de Lourenzá saíndo ao Cantábrico polo Río Masma. Pechando o Val vese a Serra Toxiza, a Frouxeira e Cornería e por detrás a Serra do Cadramón. Ao norte aparece a Mariña Lucense e unha gran parte da costa  occidental Asturiana. 
Ao leste vense os pobos que foron medrando ao longo do Río Éo e atrás deles a Serra da Bobia en primeiro termo. Ao sur e en todo o entorno o que se ve é o propio concello de Trabada que nesta parte está poboada de fragas, temos á vista a de Vilapena, a da Becerreira e a de Teixido.
Báixase por un carreiro cara ao leste ata pasar regresar ao tendido de alta onde se sigue en dirección oeste pasando por un refuxio ata unha encrucillada , e báixase en dirección á Fraga da Becerreira, entrando nela para buscar e seguir as marcas que neste tramo son para ambas rutas, así se baixa ao río desde onde xa se ve o punto de partida.
                                                                                              Teresa Díaz Estévez

Fraga de Vilapena

Concello: Trabada
Parroquia: Vilapena.
Distancia: 10 km
Sinopse: Paseo perfectamente sinalado, que ademais dos paneis informativos destaca lugares da fraga onde houbo labores como as dos carboeiros. O tempo estimado do paseo e de catro horas. Hai unha variante de 6km con 200m de desnivel, a realizar en dúas horas e cuarto.
Percorrido:  Para chegar ao punto de partida  hai que ir a Vilapena no concello de Trabada. Á entrada deste lugar, indo desde Trabada, está o panel que describe a senda. Visita a aldea antes de internarse no bosque camiñando en dirección leste e sen desniveis ata iniciar a subida ao Alto de Pena Gorda onde se ven os vales de Vilaformán e Vilapena. Regrésase cara ao oeste por unha pista forestal  ata un novo panel e unha árbore de indicadores, desde onde se baixa, por un carreiro, xunto ao Rego de Vilaformán ata atravesalo e rematar o paseo no punto de partida.
O paseo é moito mais bonito se en vez de ir á Pena Gorda e rodear a fraga, se corta en diagonal, camiñando polo medio da fraga en vez de por pistas de terra batida. Tamén está moi ben indicado.
                                                                                  Teresa Díaz Estévez 

As Anzas - Santomé - As Anzas



Concello: Ribadeo

Parroquias: Covelas e Vilausende

Lugares: As Anzas, Río Grande, Santomé
Distancia: 10 km
Transporte: Coche particular
Percorrido: Saíndo da escola das Anzas en dirección ao Carboeiro, séguese unha senda marcada que vai cara a Reme de Arriba, ata chegar ao desvío á dereita que permite baixar ao río e atravesalo por unha ponte de cemento. O camiño continúa subindo entre eucaliptos ate a estrada que vai a Santomé, lugar que merece a pena visitar. Despois de ver a súa riqueza paisaxística e patrimonial rodéanse as casas para entrar no monte polo campo dos bolos e comezar un descenso en zig-zag con As Anzas ao fondo.
Pásase o Río Grande e ao chegar ás casas vaise á dereita para volver a aproximarse ao río pola segunda pista estreita e asfaltada tamén cara a dereita. Xa co río á vista xunto a unha casa restaurada sae un camiño á esquerda que vai ao lugar da pena tallada para permitir o paso dunha canal de auga para un dos muíños, do que quedan as ruínas, xunto a fermosa ponte chamada de Pena Tallada.
Sen pasalo río un camiño vai dende a ponte á pista na que voltaremos a atopar as marcas da senda e por ela á esquerda regrésase ao punto de partida, a escola.
Teresa Díaz Estévez

Castros costeiros de Ribadeo



Concello: Ribadeo

Parroquias: Devesa, Piñeira, Vilaselán

Percorrido: Partindo do apeadoiro de FEVE nos castros, vaise cara ao mar ata a praia dos Marbadás (ou dos castros) e a esquerda ata a praia de illas, e xa temos o Castro á vista: a parte exterior da muralla ocupada por un caseto rodeado dunha especie vexetal catalogada como invasora, e a parte interior con unha edificación que cando foi feita deixou ao descuberto (por pouco tempo) restos arqueolóxicos.
O paseo ven agora cara a Ribadeo ….

mércores, 11 de abril de 2018

Da Punta Corveira (Rinlo) á Illa Pancha (Ribadeo)


Concello: Ribadeo
Parroquias: Rinlo, Vilaframil, Piñeira e Vilaselán
Distancia: 16 km
Transporte: FEVE
Percorrido: Unha vez en Rinlo, camíñase por rúas e congostras, cara ao sur do núcleo urbano; por unha pista sen asfalto chégase a Punta Corveira para regresar por a costa, visitando as tres cetarias e percorrendo o novo paseo marítimo.            
Ao chegar á pista polideportiva, continúase polo carreiro de serventía á beira do mar. Na enseada de Liñares éntrase na parroquia de Vilaframil e logo de As Pudias, na desembocadura do Rego do Couto, hai unha área de lecer, sitio adecuado para descansar e comer.           
Pasado o rego está o Castro de Piñeira e seguindo o paseo á beira do mar rodéase a península de  Celeirós, pásase sobre as praias da Areosa e da Olga e éntrase en Vilaselán  por o Castro das Grobas. Queda por visitar a desembocadura do río de Vilaselán, que se cruza fronte a depuradora, para saír a pista que vai  á praia da Areosa, xunto as Penas Brancas, e á illa Pancha.
Vólvese a Ribadeo por A Chousa,  A Torre, O Circo e Campoxurado.

Teresa Díaz Estévez

Costa de Ribadeo: Da Malata a Rinlo


Concello: Ribadeo
Parroquia: A Devesa , Rinlo
Distancia: 10 km
Transporte: FEVE
Percorrido: Este paseo comeza na praia de San Miguel de Reinante, Barreiros, vindo cara ao leste polo paseo de madeira, que leva á Malata, desembocadura do Rego Pernón  onde comeza o Concello de Ribadeo. A este lugar, de marea baixa, chégase dende ambos concellos por cinco pasadizos diferentes; con marea alta queda illado polo propio paseo.



Séguese sobre a praia das Augas Santas até a entrada á praia das Catedrais, baixando un pouco cara á praia, pasados os servicios un camiño moi pisado indica a dirección a seguir. Vense os “ollos” das covas, arcos e pasos da praia As Catedrais e logo se chega a Esteiro. Sempre á esquerda, o carreiro á beira do mar rodea a entrada do Cadramón, e mais adiante a praia de Cova que nos bota uns metros á estrada. 
Ao leste está a praia As Illas, sobre ela o castro e no castro unha casa particular. Ten un cancela para a serventía obrigada de paso.Xa se ve a praia dos Castros ou Marbadás, entre ela e a seguinte, Xuncos, imos por un tramo de paseo empedrado. Continuamos polo carreiro até a seguinte entrada, Porto, que chega até a estrada. 
Ao seu remate, collemos á esquerda para seguir xunto ao mar e chegar á praia de Meirengos. Nesta zona o cantil deixa pouco paso, se os penedos están mollados ou alguén ten dificultade para pasar, pode ir 300m pola estrada para voltar á costa unha vez pasado o lugar de Meirengos. 
Vese Punta Corveira cos Cormoráns na illa, e a  cetárea, lugar onde esparaba a ser vendido o marisco da costa de Rinlo: lumbrigantes, langostas e sobre todo andaricas.             
Imos sobre os penedos e ao chegar á terceira cetárea hai un paseo marítimo que sube xunto ao rio á fonte de Xuncos e volve pola Ribeira, sobre a praia da Areosa, que non ten area, para rematar na pista polideportiva.
           
                                                                                  Teresa Díaz Estévez

Paseo por Vilaselán e Piñeira

Concello: Ribadeo                       
Parroquias: Vilaselán e Piñeira                
Percorrido: Iníciase este paseo na a Illa Pancha, cara ao oeste, pásase fronte a Subrilada e o Mourón para chegar á praia das Areosas, e atopar o paso interrompido por unha parede de toxos que impide chegar ao Río de Vilaselán. Hai dereito de paso, pero non se pasa, é preciso rodear a finca particular, e a depuradora por onde en tempos houbo outra entrada, para atopar o camiño que vai xunto ao río ata a depuradora alí pasalo e subir polo piñeiral da outra marxe. Esta puidera ser a parte mais bonita do paseo.            
Camiñando sobre as praias do Niño do corvo e da Cova da palla, chégase ao primeiro dos foxos defensivos do castro de Vilaselán, ao segundo e ao terceiro, para estar no lugar do castro, fronte á Insua; por poñente o foxo é natural,  o Ollo de Vilaselán.            
Aquí éntrase en Piñeira onde o camiño é cómodo, pasa polo Gallín, rodea a enseada da Olga da Arnela, pasa As longas e a praia da Areosa. A seguinte enseada é O loureiro que remata na península de Celeirós, cortada pola desembocadura do Río de Piñeira, no Portal, dentro da enseada da vella ou da abella.            
Chégase así ao castro de Piñeira, no que se ven perfectamente os primeiros foxos antes de chegar fronte a Illa do Castro, (o mesmo que a Insua, nestas illas dos castros tiveron lugar, probablemente, os primeiros asentamentos de poboación.)  Os foxos do outro lado vese que foron unidos para dar lugar a unha terra de labor. A continuación están os Baixos de Fornelos na saída ao mar do Rego do Couso, onde remata a costa de Piñeira.           
Nada máis entrar a Vilaframil hai un lugar  para descansar e comer.Desde alí  regrésase  a Ribadeo polas pistas de concentración parcelaria,  practicamente en liña recta.  
                                                                             

      Teresa Díaz Estévez

Baixamar en Barreiros e Ribadeo




Distancia mínima:10 km
Transporte: FEVE
Percorrido: Este é utro dos moitos paseos que se poden realizar á beira do mar, utilizando a FEVE como medio de transporte, e collendo Ribadeo como punto de referencia para os horarios. O paseo ten varias opcións resultando así apto para todo tipo de camiñantes. Pode ser un percorrido de 10 km, sen ningún desnivel, por un camiño especialmente deseñado para ese fin, ou pode ser unha experiencia mais intensa, camiñando pola area, nadando se a marea obriga e o mar permite, avanzando por covas en total escuridade, …
Comeza na estación de San Cosme de Barreiros ás 11:50, camiñando en dirección á praia de Remior, son 2 km escasos por unha estrada comarcal de pouco tránsito. Unha vez no mar e coa marea baixando pódese ir pola area practicamente os 5,5 km de costa, cara a Ribadeo. En dous cabos haberá que subir ao camiño pero en poucos metros pódese baixar de novo ao areal.
Atravesada a praia de Reinante, vai sendo hora de comer, lixeiro, porque nada mais cambiar de concello haberá que nadar para salvar a punta que separa A Malata das Augas Santas, sempre con opción de ir por a pasarela de madeira, que ten unha baixada a esta praia. Pasar as Catedrais e chegar a Esteiro son outros dous quilómetros, para os que resulta complicado calcular o tempo, depende do que se queira enredar nas covas e pasadizos.Unha vez na praia de Esteiro hai onde descansar e axustar o tempo para coller o tren que pasa a 700 metros da praia, ás 18:20 de regreso cara a Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez

O tren de Vilaodrid ao seu paso polo concello de Ribadeo



Concello: Ribadeo

Lugares: Ove e Vilaselán
Distancia: 13 km

Percorrido: Imos en bus, tal vez algún día na FEVE ata a entrada a Porto de arriba. Frente a marquesina vemos a boca do túnel. Percorremos o túnel, ida e volta, é o único accesible na data actual (agosto 2014) ; e iniciamos o camiño cara a Ribadeo por unha estrada asfaltada, paralela á N642.
Á nosa esquerda a vexetación é moi interesante pola salinidade da auga de ese terreo encharcado que sube e baixa cando as mareas son fortes. Ao longo desta recta a estrada vai mais baixa do que ía a vía do tren, e ao final atopamos un desnivel, insalvable, que nos obriga a subir polo primeiro camiño que atopamos cara a dereita, lévanos a Lourido.
Ao aproximarnos ás casas de Lourido entra un camiño á dereita que bordeará un prado no que a presencia de tres árbores nos servirá para identificalo; este camiño en baixada, con algunhas silvas, chega á vía e por ela viremos ata o lugar no que a estrada que baixa de Lourido entronca coa N 642.
Pola nacional hai que rodear a desembocadura do río grande ata a altura da ponte que foi  do tren, alí entra un camiño que leva ao tramo mais interesante Reme – Os Guildeiros, que inclúe a ponte en curva de Rego da Viña. Na entrada unhas verxas dificultan o paso e na saída a maleza é o impedimento.
Hai uns anos este tramo de aproximadamente 3 km foi limpado esperemos que se volva a limpar. Mentras pódese vir subindo cara a Frieira e seguindo por a primeira estrada á dereita que pasará por Casas novas e Os Guildeiros.

Nos Guildeiros a vía entraba nun túnel para saír nas Aceas, o camiño que leva á saída do túnel está impracticable así que desde os Guildeiros iremos polo monte cara a Palmeira onde podemos ver outro fragmento da vía ata achegarnos a un túnel, que foi aproveitado como almacén de escombro, impracticable, óbviase sen dificultad. Dende a Palmeira a Ribadeo o recorrido séguese con bastante coincidencia co trazado orixinal.
Pasa por O Treixo,  A Fonte,   A Pega, ….   Entre a casa de Sela e a dos curas …   Chega a estación ….   A Lodeira, …       As barreiras, ….         O Cargadeiro.

Da Veiga a Ribadeo



Concello:Ribadeo
Parroquias: Santalla de Vilausende e Ove
Distancia: 16 km 
Transporte: FEVE.
Punto de partida: Estación de FEVE da Veiga
Percorrido: Saíndo da estación cara á Veiga, a altura de Ferros Alonso, entrando á dereita, hai unha ponte para cruzar o Río Suarón, e despois de atravesar o recinto feiral, outra ponte permite pasar o Río Monjardín e outra vez á dereita vaise á ponte sobre o Río Eo. Xa en Galicia no lugar de Porto de Abaixo, unha estrada pendente sobe entre as casas, e gañando altura hai unha vista panorámica da xunqueira e os meandros do río Eo. Ao chegar a estrada de Porto de Arriba hai que ir á esquerda, pasando xunto a subestación do gas, para baixar ao Río da Veiga, Carbón e a Curuxeira para chegar á estrada de Santalla de Vilausende.
Vaise a esquerda, cara ao pazo, uns metros para entrar pola estrada que pasa diante da igrexa e seguir por ela ata o lugar de Santomé. Pasadas as casas baixa un primeiro camiño ao río grande, por o que non se entra, pero hai que velo, para despois entre os eucaliptos ver o segundo e así saber que no seguinte, o terceiro que fai unha pequena isleta a modo de rotonda, é o adecuado para baixar ao Río Grande nun punto que se pode atravesar por unha ponte de cemento e continuar por pistas de terra collendo cara a dereita na pista mais ancha na que se desemboca para chegar a Reme de Arriba.
Báixase de Reme  a estrada xeral para ir uns metros á esquerda e subir por camiños de terraa ata Frieira Vella. Na estrada á esquerda vaise cara a Pastoriza e no cruze á dereita por unha pista de terra atravésase o monte para saír a Vilar da Graña. Chegando ao asfalto á esquerda vaise á Graña e fronte a capela, entre as casas continúa un camiño que baixa á Palmeira, ao pasalo río convén desviarse uns metros augas arriba, para ver o muíño, actualmente en fase de recuperación, saése a Ove e a Ribadeo.
                                                                                    Teresa Díaz Estévez

O Vilar da Graña


Parroquia: Ove                                                                                
Distancia:12 km                                                                      
Percorrido: Partindo da piscina municipal,  por A Pega e San Xoán, vaise cara á A Palmeira. Ao chegar a este barrio entra en liña recta un camiño que ao achegarse ao río se bifurca; collendo á dereita súbese xunto ao Rego de San Martín, ata o extremo do punto limpo, onde comeza un carreiro que vai por diante das casas da Capela, ata un cruce, na parte alta de Pastoriza.
Indo á esquerda, cara ao leste,  éntrase nun monte de eucaliptos ata chegar a unha pista de terra, ancha, vaise por ela , á esquerda ata o primeiro camiño que entra no monte da dereita, para ir a Frieira Vella, e pola estrada á esquerda ata Frieira Nova. 




Chegando á primeira edificación, unha casa en ruinas, pequena, éntrase polo camiño que a rodea para regresar á pista ancha de terra e por ela á dereita vaise ao Vilar da Graña, con unha fermosa panorámica da ría. 



No camiño asfaltado ao que se chega, cóllese á esquerda para ir á capela do Santo Estebo, na Graña, onde se pode descansar. Entre as casas, e por detrás da última, hai un camiño que vai a  uns prados e logo  baixa a esquerda, entrando nun bosque, ata chegar xunto a un rego.
Entre voltas, acacias, carballos e algún castiñeiro volve á Palmeira, ao chegar á estrada indo á dereita, un pouco antes dos restos da capela do Bo Xesús, un camiño que foi real, baixa á Vilavella, pasease xunto á ría e súbese entre as casas de este barrio para volver por o cemiterio e A Pega ata a punto de partida en Ribadeo.
                                                           Teresa Díaz Estévez

Frieira


Concello: Ribadeo                        
Parroquia: Ove.
Distancia:15km 
Percorrido: Sáese de Ribadeo seguindo o Camiño de Santiago ata chegar a Ove, onde se vai por diante da igrexa e do campo da festa, deixando a estrada alcatranada na primeira curva, para seguir en liña recta cara ao monte, hai que deixarse ir á esquerda para baixar por unha pista ancha ao río, por esa mesma pista, collendo á dereita nas bifurcacións, sóbese á Graña por un bosque primeiro de eucaliptos e despois de árbores autóctonas.
            Da Graña báixase aos Guildeiros e unha vez pasadas as casas vese un carreiro á dereita que baixa a estrada Ribadeo – Vegadeo, nada mais atravesala báixase por un camiño ate a vía do tren de Vilaodrid pola que se pode ir camiñando ata chegar a desembocadura do Río Grande, en Reme.
            En Reme haberá que retroceder uns metros pola estrada ate ver unha pista asfaltada que sobe a Frieira a Nova, pola que se regresa pasando por Frieira Vella, Pastoriza o Valín e Ribadeo.
                                                                                                  Teresa Díaz Estévez