sábado, 1 de xuño de 2019

Tapia - Porcía - Tapia



Concello: Tapia

Lugares: Salave, Campos, Cortaficio.

Distancia: 17 km

Transporte: Coches particulares

PercorridoPartindo do aparcamento do Alimerka de Tapia, na nacional 634 cruzamos a estrada e por unha pista asfaltada que entra perpendicular á nacional, damos na senda que ven dos lavadoiros da praia de Represas, comezamos a camiñar por ela, cara á dereita e logo atopamos o cartel para entrar no que foron as minas de Salave, imos logo por el ata o mar para asomarnos a punta do Pedrón, desandar uns metros e internarnos no bosque que garda as Lagoas de Silva. Paseamos por todos os camiños da súa irregular orografía. 




Ao saír vimos costeando por o tramo de costa que se chama O cántaro ata a praia das poleas. O camiño agora deixa a costa, pasa por Balmorto e pronto volve aos acantilados para seguilos ata ter á vista a fermosa punta de Torba. 


 A única praia accesible deste tramo é a de Figus, con algo de area e grandes cantos rodados.

A continuación parece que hai que achegarse practicamente á estrada, no lugar chamado Calvario de Campos e a continuación visitar as outras minas abandonadas e chegar xa á desembocadura do Río Porcía, 
Iremos cara ao mar ata o lugar no que houbo un cargadoiro de mineral e volvemos á beira do Porcía ata a ponte sobre  o Porcía do antigo trazado da estrada nacional.
Fotos de José Barcia


A distancia ata este punto que son 9 km vindo pola senda GR 9 pasa a ser 13,5 km vindo case todo o percorrido polo cantil.

O regreso será polo camiño de Santiago, que pasa por os lugares de Outeiro, Calvario de Campos, Campos e Salave, e Cortaficio, chegando ao punto de partida en 6 km.

Acórtase a distancia nun par de quilómetros tomando como punto de saída o aparcamento do Alimerka, que cruzando a nacional unha pista asfaltada no sitúa no camiño, perto das lagoas de Silva, an Salave.