luns, 9 de abril de 2018

Río Suarón: De Piantón a Meredo


Trazado: Wikiloc

Concello: A Veiga                                                        
Lugares: Piantón, Cobre, Meredo
Distancia: 14km


Percorrido: Saíndo de Piantón pola  ponte de tres arcos, sóbese polo camiño de Arcilo e de alí a Cobre por unha pista alcatranada, que acaba na casa máis alta, gallando en dúas pistas de terra, cóllese á dereita para ir ata El Foxo. Ao chegar á estrada e atravesala, un camiño de terra segue a Grandameá onde volvemos á estrada, uns metros, ata outro camiño á esquerda que nos leva por encima da xeral, desde Grandameá ata Xaraz.

Neste tramo vemos Meredo onde destaca a casona palacio de Rodríguez de Cancio (s,XVIII) e a igrexa parroquial Santa Marina con planta de cruz latina.sempre á esquerda pásase o núcleo de Xaraz, e despois a fonte. Pola pista de terra, desde onde se ven na ladeira da enfronte ata tres cortíns, construccións circulares para protexer os trobos, continúase uns metros atendendo ao carreiro que logo se atopa para baixar á dereita ao aparcamento do mazo.         
   
Báixase ao mazo, restaurado, é o lugar para refrescarse e comer. De volta ao aparcamento iníciase a subida por onde se baixou, e ao 10 metros  aproximadamente entra un carreiro á dereita que con unha subida suave volve ao camiño  que viña de Xaraz ancho e fácil de andar.
            Ao ir subindo, vese, sobre o mazo, o monte do Castelo, onde segundo Castrillón estivo o Castelo do Suarón., fortificación medieval que foi centro de actividades e capital militar do territorio denominado Honor del Suarón  situado entre as rías de Navia e Ribadeo, desde o mar ata Pesoz.


Poucos metros mais adiante está a mina da Cancelúa, para visitala é preciso levar lanterna.. Seguimos por un bosque de carballos, loureiro acivro e aloliqueiras  ou madroños ata chegar a altura da casa de Sestelo: caserón construído no século XIX como fábrica de papel, que se empregou como orfanato dende 1937 ata o 51. Hoxe está parcialmente reconstruída. Ten presa para a central eléctrica propia e unha finca con variedade de árbores.
            Segue un carreiro monte arriba ata unha pista ancha de terra  que desemboca nunha alcatranada, fronte a Samagán, pola que se continúa ata completar unha curva pronunciada en U. Déixase a estrada por unha pista de terra que baixa cara ao río e pouco antes de chegar a auga, xunto a un poste de alta tensión, cámbiase a un camiño con herba, e auga, que vai á zona de baños de Piantón. 

Desde alí sube en zig-zag e continúa paralela ao Suarón ata regresar a Piantón, antiga capital do concello de Vegadeo, onde destacan a praza, a igrexa parroquial de San Esteban (s XVI-XVII). con tres retablos de imaxinería barroca, e a casona rural Casa do Rego  có seu pombal octogonal
Teresa Díaz Estévez