Concello: Cervo
Distancia: 14 km
Transporte: FEVE
Sinopse: O paseo vai ao son do Río Xunco, que dende a Praia de Rueta vai ao Paseo dos Namorados en Sargadelos.
Percorrido: Utilizando como medio de transporte o FEVE o paseo comeza, e remata, na parada de Madeiro, ao baixar do tren imos á esquerda para saír á estrada da costa que logo cruzaremos e deixaremos para dirixirnos á praia de Rueta, sen baixar ao areal, na curva na que temos unha linda vista da desembocadura do río Xunco, temos tamén, a nosa dereita, a entrada dun carreiro que atravesa as vías do tren e vai un par de quilómetros á beira do río.
O camiño está limpo e ben trazado, entre as frondosas e a vexetación de ribeira con grandes fieitos, facendo o paseo moi grato. Unha vez na estrada xeral hai que atravesala e camiñar pola beira do río, agora á nosa dereita. Pásase o río, mais adiante por unha fermosa ponte de pedra e aínda que logo sae a unha estrada, vólvese a baixar e pasar a ponte para seguir co río á nosa dereita ata saír a un muiño cerca da Praza do Souto, centro de Cervo, no que está o Ecomuseo Terras de Azul Cobalto e o Parque da Lobeira.
O paseo continúa, sempre á beira do río, por detrás do Ecomuseo, enlazando co camiño real e pasa polos vestixios da antiga fábrica de Louza e polos Muíños, chegando ata a Fonte da Tella, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos: Sala de Arte nas antigas carboeiras, os cuarteis restaurados, muros dos edificios da antiga fábrica de fundición, as bocas dos fornos, senda botánica, Paseo dos Namorados, o museo da Casa de administración, o Pazo de Ibáñez, …. Para ver todo esto fai falta mais tempo do que dispoñemos, así que daremos a volta no muíño do Mornelo, e para a interesante visita relativa a Sargadelos, recomendo ir por semana, a Cervo, no autobús das 11 e regresar no das 5 ou no das 7 da tarde
Dependendo do transporte público, convén ter calculado o tempo necesario para o regreso que será polo mesmo camiño.
Teresa Díaz Estévez