martes, 28 de marzo de 2023

Río Ouro


Concello: Foz

Parroquia:Fazouro                
Distancia:11km                               
Desnivel: Inapreciable
Transporte: FEVE (consultar horarios)
Percorrido: Comézase a camiñar no apeadoiro de Fazouro para ir cara ao mar, caendo á esquerda a visitar uns restos arqueolóxicos. Trátase dun castro litoral romanizado. As bases das vivendas son rectangulares, a diferencia das de castros anteriores que eran circulares; a estructura do conxunto é pentagonal, ocupando 7000 m2.
Séguese a liña de costa ata chegar a desembocadura do Río Ouro, fronte a praia da Pampillosa. Pásase baixo as pontes do tren e da estrada e xunto a ponte de ferro que era parte da N634. Vaise á beira do río por un tramo asfaltado, pásase a igrexa, o cemiterio de Fazouro e o río por unha ponte de pedra. 


A poucos metros hai unha pista de terra á dereita onde se ve o primeiro dos indicadores da senda que ao longo de cinco quilómetros vai por paraxes cada vez mais agrestes.
Parece que se viaxa no tempo, pasando do canal de fibrocemento a unha canalización feita na rocha e do bosque seco de eucalipto a lugares húmidos, con árbores propios e antigos. Tamén lembra outra época o pazo dos Condes de Fontao, relacionado coa concesión do condado de Foz, en tempos de Isabel II.  
  

O final da senda un salto de auga represada desde o que se volverá ao apeadoiro de Fazouro, onde haberá que estar antes das 17:50.  
Como este paseo é pequeno e sobra tempo, é mellor continuar pola senda costeira ata chegar a praia de Llas, onde iremos, pola rúa Torques do castro, ao apeadoiro de Marzán e aínda se pode tomar o café no bar que está frente á gasolineira.
               Teresa Díaz Estévez



mércores, 1 de marzo de 2023

Río Xunco


Concello: Cervo
Distancia: 14 km

Transporte: FEVE

Sinopse: O paseo vai ao son do Río Xunco, que dende a Praia de Rueta vai ao Paseo dos Namorados en Sargadelos.
Percorrido: Utilizando como medio de transporte o FEVE o paseo comeza, e remata, na parada de Madeiro, ao baixar do tren imos á esquerda para saír á estrada da costa que logo cruzaremos e deixaremos para dirixirnos á praia de Rueta, sen baixar ao areal, na curva na que temos unha linda vista da desembocadura do río Xunco, temos tamén, a nosa dereita, a entrada dun carreiro que atravesa as vías do tren e vai un par de quilómetros á beira do río. 
O camiño está limpo e ben trazado, entre as frondosas e a vexetación de ribeira con grandes fieitos, facendo o paseo moi grato. Unha vez na estrada xeral hai que atravesala e camiñar pola beira do río, agora á nosa dereita. Pásase o río, mais adiante por unha fermosa ponte de pedra e aínda que logo sae a unha estrada, vólvese a baixar e pasar a ponte para seguir co río á nosa dereita ata saír a un muiño cerca da Praza do Souto, centro de Cervo, no que está o Ecomuseo Terras de Azul Cobalto e o Parque da Lobeira.

O paseo continúa, sempre á beira do río, por detrás do Ecomuseo, enlazando co camiño real e pasa polos vestixios da antiga fábrica de Louza e polos Muíños, chegando ata a Fonte da Tella, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos: Sala de Arte nas antigas carboeiras, os cuarteis restaurados, muros dos edificios da antiga fábrica de fundición, as bocas dos fornos, senda botánica, Paseo dos Namorados, o museo da Casa de administración, o Pazo de Ibáñez, …. Para ver todo esto fai falta mais tempo do que dispoñemos, así que daremos a volta no muíño do Mornelo, e para a interesante visita relativa a Sargadelos, recomendo ir por semana, a Cervo, no autobús das 11 e regresar no das 5 ou no das 7 da tarde 

  
Dependendo do transporte público, convén ter calculado o tempo necesario para o regreso que será polo mesmo camiño. 
Teresa Díaz Estévez