martes, 28 de marzo de 2023

Río Ouro


Concello: Foz

Parroquia:Fazouro                
Distancia:11km                               
Desnivel: Inapreciable
Transporte: FEVE (consultar horarios)
Percorrido: Comézase a camiñar no apeadoiro de Fazouro para ir cara ao mar, caendo á esquerda a visitar uns restos arqueolóxicos. Trátase dun castro litoral romanizado. As bases das vivendas son rectangulares, a diferencia das de castros anteriores que eran circulares; a estructura do conxunto é pentagonal, ocupando 7000 m2.
Séguese a liña de costa ata chegar a desembocadura do Río Ouro, fronte a praia da Pampillosa. Pásase baixo as pontes do tren e da estrada e xunto a ponte de ferro que era parte da N634. Vaise á beira do río por un tramo asfaltado, pásase a igrexa, o cemiterio de Fazouro e o río por unha ponte de pedra. 


A poucos metros hai unha pista de terra á dereita onde se ve o primeiro dos indicadores da senda que ao longo de cinco quilómetros vai por paraxes cada vez mais agrestes.
Parece que se viaxa no tempo, pasando do canal de fibrocemento a unha canalización feita na rocha e do bosque seco de eucalipto a lugares húmidos, con árbores propios e antigos. Tamén lembra outra época o pazo dos Condes de Fontao, relacionado coa concesión do condado de Foz, en tempos de Isabel II.  
  

O final da senda un salto de auga represada desde o que se volverá ao apeadoiro de Fazouro, onde haberá que estar antes das 17:50.  
Como este paseo é pequeno e sobra tempo, é mellor continuar pola senda costeira ata chegar a praia de Llas, onde iremos, pola rúa Torques do castro, ao apeadoiro de Marzán e aínda se pode tomar o café no bar que está frente á gasolineira.
               Teresa Díaz Estévez