martes, 3 de abril de 2018

Penabor



Concello: Barreiros
Distancia: 12 quilómetros
Sinopse:   De Remourelle sóbese a Penabor para baixar por o Santo Estevo a San Cosme. O camiño discorre por pistas non asfaltadas, por un carreiro e o  tramo xa próximo a San Cosme por asfalto. O perfil é en continuo descenso.
Percorrido: O punto de partida establécese no bar Centro, en Remourelle, desde onde se parte en dirección oeste por unha pista de terra, horizontal e recta, en dirección á louseira de Insua.
Rodéase a louseira, deixándoa á dereita, e séguese ao mirador de Penabor, desde o que se pode ver gran parte da Mariña, entre as copas dos eucaliptos.
Unha pista ancha baixa xunto as instalacións de tratamento de residuos, chegando a estrada que comunica Barreiros con Trabada, atravésase e baixando uns metros éntrase nunha curva abandonada na que comeza un camiño, ancho, que baixa á parte superior do salto de auga do Santo Estevo.
O entorno de esta capela está acondicionado con carreiros para facilitar a visita ao lugar.
Continúa o paseo saíndo pola pista da esquerda, á beira do rego, cruza a estrada do monte e polos lugares de Eiras e O Castro vaise indo cara a San Cosme de Barreiros.
                                                                                  Teresa Díaz Estévez

Costa de Barreiros


Concello: Barreiros

Parroquia: San Cosme
Distancia: 16 km
Transporte: Feve  (consulta horarios)
Percorrido: Viaxando na FEVE, dirección Oviedo – Ferrol, chégase á estación de Barreiros ás 11:50, que será o punto de partida deste paseo. Ao cruzar a vía, vaise á esquerda por un camiño bastante ancho, de terra entre prados e eucaliptais ata chegar á estrada que vai as praias, hai que ir un metros á dereita para atravesala e entrar por unha pista, que logo se bifurca. Collerase á esquerda para ir á que foi igrexa parroquial de San Cosme de Barreiros.
Continúase en dirección oeste ata chegar á estrada que viña polo outro lado do socavón da mina. Nese punto vaise á esquerda, por unha pista de terra, entre árbores, sempre ao son da vía, ata a lagoa de Pallares.
Visitada a lagoa, vaise á beira da ría e ao coincidir coa baixamar, camíñase por ela ata saír ao mar na punta da Anguieira.
Unha vez na  boca da ría pásase a praia de Altar.para continuar en dirección leste por a area todo o tempo que a marea o permita. A alternativa son os paseos marítimos e o carreiro de serventía que hai na costa.
Camíñase por a praia de San Bartolo, onde din que se atopa algún bítere, seguen as praias de Remior Coto, Valea, Fontela,  Lóngara e a praia das Pasadas onde se sube á Punta do Castro para baixar á Praia de Arealonga e seguir á de Reinante, desde onde se volvera cara ao apeadoiro de San Miguel de Reinante, para coller o tren arredor das 6 da tarde.
                                                                                                                       Teresa Díaz Estévez

Ruta verde: O tren de Vilaodrid




Concellos: A Pontenova(Lugo) e San Tirso (Asturias)  
                    
Distancia: 12 km                                                            
Curiosidades: A vía do tren mineiro na súa totalidade medía 34 km dende Vilaodriz (A Pontenova) a Porto Estreito (Ribadeo). Comenzou a funcionar no ano 1903 co primeiro transporte de mineral de ferro, en Agosto de 1905 aumentou sete coches para transporte de viaxeiros, e foi clausurado no ano 1965.
Percorrido: O punto de partida son os fornos de limonita, na  Pontenova , na marxe dereita do Río Éo. Aquí o camiño é estrada, ao ir saíndo do pobo convértese en pista de paseo con fonte, mesas e lugares de descanso e despois xa se recoñece como lña ferroviaria, de vía métrica, sempre á marxe do río. Ten unha pendente máxima de 8´7milímetros por metro, e o radio mínimo das curvas é de 100 metros. As indicacións para o traxecto son sinxelas: sempre en liña recta, sen subir nin baixar.
            A ruta pasa por a parroquia de Conforto, A Pontenova,  e por San Tirso (Asturias) onde atravesará tres túneles antes de pasar á marxe esquerda en Vilaformán, Trabada, segue por terras galegas ata unha central hidroeléctrica, onde regresa a San Tirso, neste último tramo hai un punto perigoso ao ter que cruzar a estrada N-634 , pouco máis adiante un último túnel, o máis longo que posiblemente teña luz eléctrica, desemboca en San Tirso. Mentres alguén vai a recoller os coches, pódese ver O Pacio, pazo dos Condes de Altamira, edificio do s XVI rematado por dúas torres de tres alturas, e o Pazo de Amaído que ten asociada unha igrexa que nun furado da parede deixa ver un suposto “miliario” relacionado con cultos precristiáns.

Río Sor. De Augas Caídas a Ponte Segade


Concellos: Mañón (A Coruña), O Vicedo (Lugo)

Lugares: Riobarba, Ponte Segade.
Distancia: 6km
Como chegar: En coches particulares. Na estrada que do Barqueiro vai ás Pontes, no quilómetro 14 (aproximadamente) hai un indicador á esquerda no que se le: Mirador do Couto, un quilómetro mais adiante, nun eucaliptal, hai un desvío á esquerda con un indicador (visible vindo desde O barqueiro, pero non en sentido contrario) no que se lee: Augas Caídas. A mesma estrada secundaria pola que se chega a este mirador, continúa ata Ponte Segade.
Ou ben indo desde Viveiro, pasado Covas, na primeira rotonda, déixase a estrada xeral entrando polo único desvío que hai, para chegar a Riobarba De ali báixase a Ponte do Porto (ponte romana) para atallar á estrada antes indicada.

Percorrido: No mirador das augas caídas, coa súa área de lecer: 
refuxio, mesas, asadores e fonte, hai unha baixada en zig-zag, con algún tramo de escaleiras ata a río que continúa, augas arriba, sendo un sendeiro, amplio, seco, e chao, á beira do río. Enseguida se chega a unha ponte de madeira pola que se atravesa á marxe lucense, ande volvemos a atopar un lugar para descansar con mesa, fonte e o que foi un muíño, facendo as veces de refuxio.

Continuamos augas arriba por un carreiro sempre xunto ao rio, á sombra de frodosas, e sen desniveis apreciables, ata un novo refuxio, preparado recuperando pedras, luídas pola auga de moitos anos, e outros elementos antigos, para formar un lugar realmente agradable. 
Séguese pola marxe lucense ata chegar a unha pista e pasar o río, onde de novo atopamos un muiño ofrecendo cobixo, e ao seu arredor bancos, asadores, dúas mesas e unha carballeira para perderse nela.
Camiñando agora pola marxe coruñesa, xunto a un río limpo e caudaloso, á sombra, queda un pequeno tramo ata chegar a área de lecer de Ponte Segade, onde damos por terminado esta paseo de apenas tres horas.
Para camiñar un pouco mais, podíase ter comenzado na ponte romana de Ponte de Porto, cerca de Riobarba, e seguir as marcas da ruta alí indicada: Ponte de Porto – Ponte Segade, precisando así de 5 a 6 horas.
Teresa Díaz Estévez

luns, 2 de abril de 2018

Loiba - Espasante

Concellos: Ortigueira e Espasante
Lugares: Loiba, Paredes, Mazorgán e Espasante
Distancia: 11 km
Transporte: Feve  (consulta horarios)
Sinopse: A ruta polo LIC de Estaca de Vares está marcada, é un paseo entre os cabos Estaca de Vares e Ortegal, con acantilados, agullas e rochas moi recortadas.
Na praia se Espasante hai dunas e unhas solidificacións de magma, en almohadillas, xeolóxicamente interesantes.

Percorrido: Están sen marcar os camiños entre o tren e a costa, pero é fácil: a ida: sempre ao norte, ao regreso: sempre ao sur.
A proposta de este paseo consiste en ir na FEVE ata a estación de Loiba, camiñar cara ao mar ata dar co sendeiro marcado que bordea a costa ata Espasante, para regular o tempo hai varias posibilidades, dar a volta á península de Espasante ou sencillamente percorrer as súas ruas e prazas.
Despois por a estrada vella, ou pola nova, ir á estación e regresar no tren.
Sen depender do tren, ou quedándose ata o tren da noite, pódese facer perfectamente o percorrido entre Espasante e o Barqueiro, con unha distancia entre 15 e 16 km.

Loiba - O Barqueiro



Provincia:
A Coruña


Concellos:  Ortigueira, Mañón.
Lugares: Loiba,  Picón, O Barqueiro
Distancia: 11 km
Transporte: Feve  (consulta horarios)
Sinopse: Paseo combinado co horario do tren (4 horas para camiñar), polo Lic de Estaca de Vares, no que hai unha ruta perfectamente marcada.
Do apeadoiro de Loiba, sáese á estrada; á dereita vese a igrexa, a súa torre servirá de referencia para orientarse durante unha boa parte do paseo; o camiño a seguir é cara á esquerda dirixíndose ao centro de Loiba, no seguinte cruce tamén á esquerda para ampliar o percorrido pola costa, e pouco a pouco vaise indo cara ao norte, ata chegar ao acantilado, entre Estaca de Vares e Ortegal.
A paisaxe é un espectáculo con agullas, praias, arcos e cantís. Desde a beira do cantil non hai mais que ir seguindo as marcas da senda en dirección a Estaca de Vares  ata o lugar de Picón, de aquí se baixa a praia de Esteiro, co seu pinar e mesas nas que comer.

Continúase  pola beirarúa ata o Barqueiro donde se baixará ao porto e despois de visitalo, súbese por unhas escaleiras ata a estación do tren.

Espasante




Concello: Ortigueira (A Coruña)
Distancia: 8 km
Transporte: Feve  (consulta horarios)
Sinopse: Paseo camiñando pola península de Espasante, situada na marxe oriental da Ría de Ortigueira, entre Estaca de Bares e Cabo Ortegal. E paseo en tren: a hora de saída para quen suba en Ribadeo é as 11:12, o prezo de billete ida e volta son 9 €. O traxecto é un conxunto de panorámicas da costa de Lugo e das súas rías. A hora de chegada a Espasante, ás 12:50
Percorrido: O punto de partida será a estación de FEVE, Un carreiro paralelo ás vías , á dereita mirando ao mar, vai á estrada xeral que se atravesa ao cabo de 20 metros para baixar por un rueiro, pasar o Río Dola e saír a estrada vella de Espasante. Camiñando por ela 30 metros á dereita vese unha pista que sube para logo bifurcarse; déixase o desvío da dereita que vai ao cemiterio, e vaise á esquerda cara ao mar, pasando entre as casas do Adro e do Outeiro, nas que se aprecia que conservan usos tradicionais. Aproximadamente a 1 km do comezo desta pista nas Pereiras hai unha bifurcación na que deixando o ramal da esquerda, que  baixa directamente ao núcleo urbán,  séguese á dereita por o que parece unha zona de bosque pero que pronto abre para deixar ver a boca da ría, coa Punta dos Aguillóns ao fondo, e logo baixa á praza de Espasante, xunto a praia de San Antonio por a que se pode pasear, e ver as rochas volcánicas,  de alto interese xeolóxico.
           
De regreso á praza, sóbese á Ermida de San Antón para iniciar a volta á península e subir á Garita de Vela, interesante construcción, parte da rede de garitas que por a costa se utilizaron para o envío de sinais, como sistema de comunicación. Aquí o camiño pasa a ser de terra, pero limpo e ancho, e vai baixando cara ao castro da Punta dos Prados, nel vense perfectamente os muros defensivos cubertos de herba e un tramo escavado con uns muros de pedra que son parte de un “monumento con forno”, edificación con tres compartimentos, pequenos, e un curioso sistema de canais, era o lugar dos baños, relacionado con ritos iniciáticos. Único deste tipo atopado en Galicia, pero idéntico ao de Coaña e a varios de Portugal.
            Dende o castro unhas escaleiras baixan a praia de Santa Cristina, para seguir a da Concha percorrida por un paseo marítimo, que é mellor abandonar ao chegar ao pobo, para poder pasear as rúas, e ver casas dunha vila mariñeira. Ao remate volveremos á praia da Concha para saír dela atravesando a ponte do río e collendo á dereita e a continuación á esquerda. Así volveremos cara a estrada xeral atravesando barrio do Fabeiro por unha pista recentemente asfaltada. Haberá que chegar á estación do ferrocarril algo antes das 4:30 para estar de regreso en Ribadeo ás 18:18. Tamén hai a posibilidade de quedarse na praia en Espasante e vir no tren das dez da noite.
   
                                                                                                                      Teresa Díaz Estévez