martes, 3 de abril de 2018

Baixamar nas praias de Barreiros e Ribadeo

Concellos: Barreiros, Ribadeo



Distancia mínima:10 km

Transporte: FEVE

Percorrido: Este é utro dos moitos paseos que se poden realizar á beira do mar, utilizando a FEVE como medio de transporte, e collendo Ribadeo como punto de referencia para os horarios. O paseo ten varias opcións resultando así apto para todo tipo de camiñantes. Pode ser un percorrido de 10 km, sen ningún desnivel, por un camiño especialmente deseñado para ese fin, ou pode ser unha experiencia mais intensa, camiñando pola area, nadando se a marea obriga e o mar permite, avanzando por covas en total escuridade, …
Comeza na estación de San Cosme de Barreiros ás 11:30, camiñando en dirección á praia de Remior, son 2 km escasos por unha estrada comarcal de pouco tránsito. Unha vez no mar e coa marea baixando pódese ir pola area practicamente os 5,5 km de costa, cara a Ribadeo. En dous cabos haberá que subir ao camiño pero en poucos metros pódese baixar de novo ao areal.
Atravesada a praia de Reinante, vai sendo hora de comer, lixeiro, porque nada mais cambiar de concello haberá que nadar para salvar a punta que separa A Malata das Augas Santas, sempre con opción de ir por a pasarela de madeira, que ten unha baixada a esta praia. Pasar as Catedrais e chegar a Esteiro son outros dous quilómetros, para os que resulta complicado calcular o tempo, depende do que se queira enredar nas covas e pasadizos.Unha vez na praia de Esteiro hai onde descansar e axustar o tempo para coller o tren que pasa a 700m da praia, ás 18:08 de regreso cara a Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez