domingo, 8 de abril de 2018

Costa de Coaña: Cartavio


Trazado: Wikiloc (continuando á Caridad)

Concello: Coaña                                     
Parroquias: Medal, Cartavio
Distancia: 10 km
Transporte: FEVE
Sinopse: Dende a parada de FEVE en Medal,  vaise ao mar para camiñar á súa beira ata chegar a altura de Cartavio, onde se volve ao tren.
Percorrido: No apeadoiro de Medal hai tres estradas, este paseo comeza indo á esquerda, en dirección oeste. Continúa pola segunda pista asfaltada á dereita para ir cara ao mar, á praia da Figueira, con  300 m de cantos e gravas que desaparecen na preamar. 

Sobre o cantil, no estremo da praia na Punta A Figueira, está o castro de Medal actualmente sen destapar, no que son visibles dous foxos, dous parapetos.Desde a praia sae un camiño de terra, que á beira do Río Pinto vai cara a Loza, ao chegar á primeira casa vaise en liña recta cara ao mar,  primeiro por unha estrada asfaltada e despois por unha senda entre piñeiros que vai bordeando a costa ata dar nun vértice xeodésico. 

Séguese por un carreiro ata asomarse no alto dos cantís para ver a punta do Castello e cabo Blanco . Agora hai que separase da costa, pola beira dos prados, para salvar a desembocadura dun regato. A continuación vólvese a costa para camiñar entre o millo e o mar ata chegar ao estremo da praia de Torbas. 

Para baixar á praia hai ir por unha pista de terra en dirección sudoeste ata a estrada de acceso á praia.Desde Torbas unha senda costeira, á sombra de frondosas, vai ata as primeiras casas de Cartavio, a poucos metros do apeadoiro de FEVE onde subiremos ao tren para estar en Ribadeo ás 18:18                                                                                                         Teresa Díaz Estévez