sábado, 7 de abril de 2018

Fraga da Becerreira


Concello: Trabada                      
Parroquia: 
Distancia: 5 km, que parecen mais
Percorrido: Para chegar ao punto de partida  hai que ir a Trabada e desde alí seguir 2´7km en dirección a Riotorto. Nese punto aparece na estrada un desvío á esquerda sen ningún tipo de indicador, trátase dun tramo da antiga estrada Trabada – Riotorto; entrando por el, a uns cen metros, xa se ve o panel có gráfico e os datos do paseo.
            Comeza nunha senda que baixa ata o río de Vilapercide, onde pasa a ser un carreiro que xunto co río vai ganando altura. Esta subida, suave e continuada, logo leva unha hora por ir parando para ver os sinais da fauna e os diferentes tipos musgos e fentos. As árbores son as propias de ribeira, destacando as abeleiras. Neste tramo todo é verde, mesmo a luz.
            Unha vez arriba o carreiro discorre horizontalmente  ao longo da fraga que está organizada en tres alturas: os arandos no chan, a dous metros un teito de acivros, e sobre eles os carballos. Cada capa coa súa cor, segundo a estación.. O paseo complétase baixando ao río e seguíndoo agora augas abaixo ata o refuxio, onde se inicia a senda que volve ao punto de partida.
           
            Teresa Díaz Estévez