domingo, 8 de abril de 2018

Tol dos Cabaleiros


Concello: Castropol
Lugar: Tol
Distancia: 10 km
Sinopse: É circular, cun desnivel de 250m e excepto 1,2 km que son por unha estrada asfaltada, de pouco tráfico o resto camíñase por pistas de terra percorrendo os montes de Tol dos Cabaleiros.
Como chegar: Sáese de Ribadeo cara Asturias pola ponte, ata o cruce de Barres onde se vai cara a Castropol. Antes do campo de fútbol xa se entra á esquerda ata chegar á igrexa de Tol. Hai unha pista asfaltada, a dereita, que pasa sobre o tren, e outra vez á dereita, vai cerca do cemiterio ata a área de lecer “O castañeirón”, no lugar de Forxa en Tol (Castropol). Aquí comeza e remata o paseo.
Percorrido: Unha pista sube en liña recta ás casas da Pumarega, onde se combina a gandería co turismo. Séguese cara ao mar ata unha pista que á dereita, entra no monte, e xa sorprende a vista panorámica da rasa costeira. Déixase unha subida bastante pendente á dereita, para a continuación desembocar noutra pista onde se colle á esquerda para baixar ao lugar de Boudois, pasadas as casas chégase a o Rego Boudois de Anguilera, e a súa beira, sempre a sombra, vaise subindo aos montes de Tol ata chegar a outra pista, na que á esquerda iríase ao lugar de Vista Alegre, e á dereita xa se ve a cheminea do forno, igual aos da Pontenova, no que se trataba o mineral de ferro, das minas próximas, para alixeiralo de peso. Nesta construcción que non parece ter chegado a utilizarse aprécianse elementos, raros de ver, como son a ponte superior para cargar o forno ou as parrillas, sobre as que se depositaba o mineral, no seu interior.
Seguindo por a pista na que está o forno déixase un desvío á dereita para chegar a un cruce no que se irá costa arriba polo bosque ata un prado no que indo cara á dereita logo se sae ao asfalto. Continuando en dirección oeste, con Cabo Burela ao fondo, pásase por a Brañuela, xunto aos xatiños dunha gandería importante, déixanse desvíos que baixan á dereita, e outros que soben á esquerda, ata chegar á Pena de Cabras nun punto no que a estrada parece pasar a ser un camiño estreito, pero dando unha curva moi pechada segue o asfalto, que baixará ao punto de partida. Non é preciso seguir a estrada porque pasadas dúas casas, entra un camiño á esquerda que baixa ao río de Tol, e a súa beira vaise indo ata “O Castañeirón”

Teresa Díaz Estévez