luns, 2 de abril de 2018

Espasante




Concello: Ortigueira (A Coruña)
Distancia: 8 km
Transporte: FEVE     (consultar horarios)
Sinopse: Paseo camiñando pola península de Espasante, situada na marxe oriental da Ría de Ortigueira, entre Estaca de Bares e Cabo Ortegal. E paseo en tren: a hora de saída para quen suba en Ribadeo é as 11:12, o prezo de billete ida e volta son 9 €. O traxecto é un conxunto de panorámicas da costa de Lugo e das súas rías. A hora de chegada a Espasante, ás 12:50
Percorrido: O punto de partida será a estación de FEVE, Un carreiro paralelo ás vías , á dereita mirando ao mar, vai á estrada xeral que se atravesa ao cabo de 20 metros para baixar por un rueiro, pasar o Río Dola e saír a estrada vella de Espasante. Camiñando por ela 30 metros á dereita vese unha pista que sube para logo bifurcarse; déixase o desvío da dereita que vai ao cemiterio, e vaise á esquerda cara ao mar, pasando entre as casas do Adro e do Outeiro, nas que se aprecia que conservan usos tradicionais. Aproximadamente a 1 km do comezo desta pista nas Pereiras hai unha bifurcación na que deixando o ramal da esquerda, que  baixa directamente ao núcleo urbán,  séguese á dereita por o que parece unha zona de bosque pero que pronto abre para deixar ver a boca da ría, coa Punta dos Aguillóns ao fondo, e logo baixa á praza de Espasante, xunto a praia de San Antonio por a que se pode pasear, e ver as rochas volcánicas,  de alto interese xeolóxico.
           
De regreso á praza, sóbese á Ermida de San Antón para iniciar a volta á península e subir á Garita de Vela, interesante construcción, parte da rede de garitas que por a costa se utilizaron para o envío de sinais, como sistema de comunicación. Aquí o camiño pasa a ser de terra, pero limpo e ancho, e vai baixando cara ao castro da Punta dos Prados, nel vense perfectamente os muros defensivos cubertos de herba e un tramo escavado con uns muros de pedra que son parte de un “monumento con forno”, edificación con tres compartimentos, pequenos, e un curioso sistema de canais, era o lugar dos baños, relacionado con ritos iniciáticos. Único deste tipo atopado en Galicia, pero idéntico ao de Coaña e a varios de Portugal.
            Dende o castro unhas escaleiras baixan a praia de Santa Cristina, para seguir a da Concha percorrida por un paseo marítimo, que é mellor abandonar ao chegar ao pobo, para poder pasear as rúas, e ver casas dunha vila mariñeira. Ao remate volveremos á praia da Concha para saír dela atravesando a ponte do río e collendo á dereita e a continuación á esquerda. Así volveremos cara a estrada xeral atravesando barrio do Fabeiro por unha pista recentemente asfaltada. Haberá que chegar á estación do ferrocarril algo antes das 4:30 para estar de regreso en Ribadeo ás 18:18. Tamén hai a posibilidade de quedarse na praia en Espasante e vir no tren das dez da noite.
   
                                                                                                                      Teresa Díaz Estévez