mércores, 11 de abril de 2018

O Viso e San Fernando


Concello: Ribadeo                                                                                     
Parroquia: Cedofeita            
Distancia: 11,5 km

PercorridoEn Cedofeita, no barrio de San Antonio, está a capela da Nosa Señora do Viso. Xunto a ela comeza unha pista forestal que ao longo de 4 km pasa fronte Á Ponte , Os Bestilleiros e Arante; subindo moi a modo ata saír á estrada que discorre entre os concellos de Trabada e RibadeoNeste tramo, asfaltado e con pouco tráfico, vaise cara á esquerda e a pouco máis de 1 km chégase á capela de San Fernando. Lugar adecuado para comer e descansar; desde alí pódese subir ao pico da Paleira o que incrementaría o paseo en 4 km, xustificados pola panorámica.
         Fronte á capela unha pista de terra entra no monte; Aos 20m metros séguese un desvío á dereita, e 500 metros máis adiante vólvese á saír á dereita para baixar por Teixido ata a estrada de Piñeiro. Á esquerda iremos entre as casas da Torre ata a escola vella, onde está o indicador de A Trapa.
         Xunto a el, séguese polo camiño da dereita, chamado da Cruz. Foi feito no penedo, no que se aprecian as carrilleiras, símbolo doutros tempos. O segundo desvío á dereita leva á pista que vai paralela ao rego de Queixoiro, por a que se baixa ata Nobeledo, para continuar ao Viso polas estradas de Cedofeita.
Teresa Díaz Estévez