domingo, 8 de abril de 2018

Da Caridad á Roda, por Víavélez


Concellos: O Franco – Tapia
Lugares: A Caridad, Viavelez, Valdepares, A Roda
Distancia: 13 km
Transporte: FEVE (horarios)

Percorrido: Comezando na  Caridad, na estación de FEVE, hai que pasar unha ponte baixo a estrada xeral e cara ao mar, atravesar polo centro do pobo, onde se podería visitar o museo da Forxa. Sempre ao norte, seguindo as indicacións de Viavélez, pásase xunto ao pazo de Jardón, construído en 1910 segundo o modelo indiano, para chegar as casas mais altas sobre o mar, polas rúelas e calellas vaise indo ata o estremo do peirao onde está indicado comezo da senda costeira.

O segundo traxecto de este paseo consiste en seguir a senda costeira ao longo de 6 km no tramo Viavélez – Porcía. Está ben marcada, pero en dúas ocasións é mellor deixar os sinais e entrar á dereita, recoñécense os camiños por estar moi pisados. Así se pasa sobre o río Mernes, e a praia de Monellos, se baixa  xunto a un muíño en Torbas para continuar entre toxos e xestas ata o Cabo Branco, onde contrasta a cor branca das rochas con os grises das pizarras dos foxos dun castro que alí houbo. 
A vista mais interesante do conxunto do cabo tense uns metros mais adiante, dende Campo redondo. Cara a terra en Valdepares vense a torre e almenas do pazo de Fonfría, do século XVI. Remata esta etapa na praia de Porcía, onde unha barra areosa pecha o esteiro no que desemboca o río Porcía, é unha praia de 240 metros, na baixamar,  e un grupo de illas, Grande Pequena e Gavioteiro, que protexen a enseada que nalgún tempo serviu de refuxio a grandes barcos. 
Vense tamén os restos do cargadeiro de mineral de ferro, magnetitas de Porcía que as vagonetas arrimaban ata o estremo da illa mais afastada para librar aos cargueiros do perigo dos penedos desta praia.A derradeira etapa consiste en subir xunto ao río Porcía, aproximándose á Roda. En principio séguense as indicacións da senda costeira, que pola estrada vella vai á ponte, sen atravesala,á dereita vese un muíño e a esquerda o cartel da ermida, esa é a dirección a seguir, despois de pasar a alameda do Porcía, crúzase o río na cabeceira dunha presa e por unha estrada secundaria chégase a Rabote desde onde se pode continuar polos camiños á beira do río ata o final dunha terra de labor, grande, triangular, na que arranca unha pista que sube a Vilargomil, na estrada Porcía – A Roda e camiñando uns metros á esquerda éntrase por unha pista á dereita, xunto á conducción de gas, que rodea unha caseta das augas para seguir por camiños, sempre cara ao oeste ata o restaurante O Pinalín onde haberá que saír á estrada uns 300 metros para chegar, antes das 18:07 á estación do tren da Roda, punto final deste percorrido
Teresa Díaz Estévez