domingo, 8 de abril de 2018

Costa de Caoña: Mohías

    

          
Arquivo gpx: Ligazón para o mapa
Concello: Coaña  
Parroquia: Mohías
Distancia: 11km
Transporte: FEVE
Percorrido:  No apeadoiro de Medal hai tres direccións a seguir,  este paseo vai en dirección norte, cara ao mar sen baixar á praia da Figueira . para ir sobre o cantil, ao estremo leste da praia onde está o Castro de Punta a Figueira, situado en Medal, parroquia de Mohías. Este castro sen destapar, ten visibles os foxo e os restos de muralla no medio de moita maleza así que por agora é mellor rodear a zona boscosa e volver á costa fronte a illa, na que se ve gran variedade de aves mariñas. Desde aquí hai carreiro que logo pasa a ser a senda costeira,  á beira do mar ata Ortiguera
A baixada ao porto de Ortiguera é por rúas estreitas paralelas entre si, comunicadas por escaleiras. Ten casas antigas, de pedra con amplos  corredores entre os que destaca a  Quinta  Jardón, casa de indianos de estilo ecléctico,  rodeada dunha gran finca. A familia Jardón costeou as escolas de Rabeirón, o parque e a reforma da capela (siglo XVII) de cabo de San Agustín,Unha vez arriba, á esquerda vaise ata o cabo de San Agustín, na marxe esquerda da entrada da ría de Navia. Hoxe é un parque no que destaca o monumento en lembranza dos mortos no mar, a capela do século XVII,  o faro vello coa campá, o faro novo e a panorámica da liña de costa
Segue o paseo ata as 241 escaleiras que baixan á praia de Arnelles. A saída da praia polo outro estremo é moito mais suave vai a unha estrada que morre na seguinte praia , a de Foxos, areal situado na desembocadura da ría con mesas ao abrigo do vento, un bo lugar para comer.
            Desde aquí a marxe da ría é unha liña recta feita con grandes pedras. Entre elas e a liña e costa orixinal hai unha gran extensión, depósito de sedimentos, poboado por diferentes tipos de aves; é un lugar interesante.
O carreiro polo que se ven dende Foxos, pasa a ser un camiño ao ir subindo suavemente, paralelos á ría ata chegar á primeira casa de Mohías, pasada a casa e pechada a cancela, chégase a un camiño polo que se subirá xunto a un muro almenado que pecha a finca do palacio de Mohías. Foi construído no século XVIII a modo dos pazos galegos. Na parte traseira levántase unha torre de planta cadrada. A fachada garda unha perfecta simetría tomando como eixo a porta. Ten dous escudos, nos que aparecen as armas de Miranda. No baixo ábrense ventás altas e estreitas e no primeiro andar vanos cuadrangulares.O pazo á dereita ten unha capela, cunha porta que repite o esquema da principal. No tellado ten pedras para asegurar as laxas de lousa nas cubertas. Destaca o efecto colorista desta obra arquitectónica logrado co xogo dos materiais.
Deixando o pazo ás costas, un paseo  entre arbores vai a antiga estrada de Navia e ao chegar a ela á dereita vaise ao campo da festa, atravésase a estrada que vai a Ortiguera e de fronte entra un camiño polo que se vai ao campo de fútbol e a serra xunto a que está a entrada ao Castro de Mohías que ten a consideración de Monumento Histórico Artístico dende 1981. Este emprazamento tivo un dilatado período de ocupación, pois xa existía no século I da nosa Era e en época tardo-romana tamén estivo habitado.Para a súa  defensa contaba con tres fosos escavados na rocha , por o leste e o sur, e unha muralla de metro e medio de anchura, que circundaba o recinto castrexo. As vivendas, maioritariamente de planta cuadrangular coas esquinas redondeadas, dispóñense ao longo de rúas cun trazado de tendencia ortogonal que teñen canais de desaugue e tramos pavimentados
Visitado o castro vólvese ao camiño que segue xusto ata o apeadoiro da FEVE para subir ao tren que chega a Ribadeo ás 18:35
Teresa Díaz Estévez