Concellos: Barreiros, Ribadeo
Lugares: San Miguel de Reinante, Remourelle
Distancia: 11 km
Sinopse: Paseo circular, que partindo da Barranca, barrio de San Miguel de Reinante sube por Remourelle ao monte Comado, rodéao e volve á Barranca .
Como chegar: Entrando no Concello de Barreiros pola N-634 desde Ribadeo, hai que pasar a praza e a ponte de San Miguel de Reinante, para entrar por a primeira estrada á esquerda, pásase a igrexa, o cemiterio e as casas da Barranca antes de chegar á estrada do monte, paralela á xeral.Neste cruzamento quedan os coches.
Percorrido: O paseo comeza cara ao sur, co río á esquerda, pásase xunto a unhas casas, máis adiante, aos 500m, hai unha estación depuradora, nada mais pasala aparece un camiño á esquerda. Neste punto hai dúas posibilidades:
1ª Seguir de fronte, pola pista (3´5 km). Ten unha pendente forte, suavizada cun trazado en zig-zag , que pasa despois a ser unha costa suave con firme de terra, entre piñeiros ou eucaliptos, non ten mais que unha bifurcación, a pista da dereita vai á canteira e a de fronte é a que se debe seguir para saír aos prados de Remourelle e da Ínsua. Unha vez neles unha pista tamén de terra, á esquerda, vai á estrada xeral a altura do ultramarinos de Remourelle.
2º Se pasada a estación depuradora se vai polo camiño da esquerda (3 km), o antes utilizado para ir de San Miguel a Remourelle, resulta unha senda limpa, con herba, musgos e folgueiras, sempre á beira do rego, escoitando a auga, ata chegar á presa. Desde aquí non hai camiño, pero si carreiros (que poden estar pechadosde maleza) ao ir subindo se van abrindo, ata volver a ser camiño xunto a pequena fraga que hai cerca do nacemento do rego; para máis adiante dar nunha pista, ancha, na que indo cara á esquerda se sobe cara ao barrio da Madanela para saír á mesma pista de terra, sobre os prados de Remourelle e da Insua que na primeira opción.
Na estrada, cara a dereita, sóbese uns metros ata verse o indicador de Rego de Mel, éntrase nel, e nos seguintes cruzamentos que se atopen, cóllese sempre cara arriba para chegar ao Comado (509m). Mentres se sube hai que pararse a mirar e situar o lugares próximos: Mondigo (60 metros máis alto que Comado), no val Cedofeita, os montes de Árante convertidos en praderías e o val que vimos de percorrer. Mais atrás, solitario, vese o pico da Frouxeira, de granito; e ao fondo as serras, a da Carba, o Xistral co pico Cadramón (1056m), a Toxiza e a Serra da Cadeira, que son as que separan a Mariña costeira da meseta interior.
Pouco a pouco, son 2´5 km desde o bar, chégase ao pico, rodéase, sempre polo mesmo camiño e unha explanada de pedra facilita a localización do lugar dende o que saltaban cos parapentes.
Agora a panorámica vai de cabo Burela a cabo Busto; apréciase en particular o espacio comprendido entre as bocas dos ríos Éo e Masma: Vilaselán, Piñeira, Vilaframil, Rinlo, A Devesa, Reinante, Barreiros e Benquerencia.
A pista continúa en leve descenso, hai que deixala para baixar por un camiño á dereita, tamén limpo, co firme de terra, que aparecerá ao tempo que se empece a ver a praia de Reinante.
Cando o camiño se confunda con unha pista ancha, horizontal que vai cara ao leste, haberá que prestar atención para seguir polo camiño que se traía, que sae á esquerda da pista para baixar cara a San Miguel. Unha vez na estrada que ven de Remourelle baixase por ela átaa o primeiro cruce, no que collendo á esquerda logo se chega ao punto de partida.
Teresa Díaz Estévez