domingo, 8 de abril de 2018

Pousadoiro



Concello: Castropol 
Lugar: Campo del Chao. O Grilo
Distancia: 11,2 km
Como chegar: Para chegar: Saíndo de Ribadeo en dirección a Asturias, no cruce de Barres vaise cara A Veiga, pásase Castropol, e o cartel que indica San Juan de Moldes, para a 700 metros  entrar por un desvío a esquerda,  ata o indicador de “casa Paquita” que se segue en dúas ocasións a primeira á dereita e a segunda á esquerda. Aparece xa a indicación de Presno, que volve a aparecer no seguinte cruce e comeza a ascensión que culmina ao chegar á estrada Bourio (Tol) – Presno, nese lugar, o Campo do Chao, comeza o paseo.
Sinopse: O camiño é de fácil andar, sempre por pistas de terra, anchas e practicamente horizontais o que permite ir contemplando as diferentes panorámicas do interior e da costa, neste paseo circular.
Percorrido: Tras unha cancela, que debe permanecer pechada, unha pista de terra, ancha e fácil de andar sube levemente, deixando á esquerda un camiño con herba, menos transitado. No punto máis alto crúzase un cortalumes  e pásase a ter unha amplía panorámica do sur dos concellos de Castropol e da Veiga. Ao levar aproximadamente  media hora de camiño, a pista bifúrcase, pola esquerda sóbese  ao pico do Pousadoiro, pola dereita continúa o paseo ate a seguinte bifurcación, que realmente é un cruce de camiños, nesta cóllese á esquerda subindo unha costa moi  suave que logo chega a unha cancela que impide aos cabalos, presentes en todo o paseo, entrar a uns prados que son de Balmonte. Non se pasa esta cancela, outra pista irá levando cara ao norte, entre prados nos que é fácil ver os corzos, e despois por un bosque, encima do Val de San Agustín. A medida que se rodea o Pousadoiro víase vendo Salave, Porcía, La Caridad …
            A presencia dunha antena marca o lugar para o novo cambio de dirección, cara ao oeste, e nova panorámica, agora vese  ao lonxe Barres, Ribadeo, Foz e Burela, e os lugares máis próximos de O Grilo, Tomentosa, Jonte e Culmieiros.
            Aos dez quilómetros de iniciar o paseo unha nova bifurcación ofrece á dereita saír a estrada, á esquerda continuar o paseo por un camiño ancho, con herba que despois de un quilómetro sae á subida inicial. 
Teresa Díaz Estévez