mércores, 11 de abril de 2018

Costa de Ribadeo: Da Malata a Rinlo


Concello: Ribadeo
Parroquia: A Devesa , Rinlo
Distancia: 10 km
Transporte: FEVE
Percorrido: Este paseo comeza na praia de San Miguel de Reinante, Barreiros, vindo cara ao leste polo paseo de madeira, que leva á Malata, desembocadura do Rego Pernón  onde comeza o Concello de Ribadeo. A este lugar, de marea baixa, chégase dende ambos concellos por cinco pasadizos diferentes; con marea alta queda illado polo propio paseo.



Séguese sobre a praia das Augas Santas até a entrada á praia das Catedrais, baixando un pouco cara á praia, pasados os servicios un camiño moi pisado indica a dirección a seguir. Vense os “ollos” das covas, arcos e pasos da praia As Catedrais e logo se chega a Esteiro. Sempre á esquerda, o carreiro á beira do mar rodea a entrada do Cadramón, e mais adiante a praia de Cova que nos bota uns metros á estrada. 
Ao leste está a praia As Illas, sobre ela o castro e no castro unha casa particular. Ten un cancela para a serventía obrigada de paso.Xa se ve a praia dos Castros ou Marbadás, entre ela e a seguinte, Xuncos, imos por un tramo de paseo empedrado. Continuamos polo carreiro até a seguinte entrada, Porto, que chega até a estrada. 
Ao seu remate, collemos á esquerda para seguir xunto ao mar e chegar á praia de Meirengos. Nesta zona o cantil deixa pouco paso, se os penedos están mollados ou alguén ten dificultade para pasar, pode ir 300m pola estrada para voltar á costa unha vez pasado o lugar de Meirengos. 
Vese Punta Corveira cos Cormoráns na illa, e a  cetárea, lugar onde esparaba a ser vendido o marisco da costa de Rinlo: lumbrigantes, langostas e sobre todo andaricas.             
Imos sobre os penedos e ao chegar á terceira cetárea hai un paseo marítimo que sube xunto ao rio á fonte de Xuncos e volve pola Ribeira, sobre a praia da Areosa, que non ten area, para rematar na pista polideportiva.
           
                                                                                  Teresa Díaz Estévez