xoves, 12 de abril de 2018

Fraga de Teixido

   
                                                                                       
Concello: Trabada

Distancia:12 km
Como chegar: Arranca este paseo circular do lugar sinalado como punto de partida para a ruta da Fraga da Becerreira, nun desvío á esquerda da estrada provincial nº 55; aproximadamente a 2,7 km de Trabada en dirección a Riotorto.
Ao deixar os coches vólvese a estrada xeral para atravesala e ir subindo por un camiño de pendente suave, seguindo as indicacións, non sempre fáciles de atopar. Despois de pasar a Fraga de Santo Estevo e a de Teixido déixase a pista para subir á esquerda, entre pinos, quedando o val de Lourenzá á dereita, este camiño continúa ata a estrada xeral que de novo se atravesa. Hai agora a opción de dirixirse cara a un tendido eléctrico para subir ao Picato, unha das maiores alturas da Serra da Cadeira. 
Ao oeste, o Val de Lourenzá saíndo ao Cantábrico polo Río Masma. Pechando o Val vese a Serra Toxiza, a Frouxeira e Cornería e por detrás a Serra do Cadramón. Ao norte aparece a Mariña Lucense e unha gran parte da costa  occidental Asturiana. 
Ao leste vense os pobos que foron medrando ao longo do Río Éo e atrás deles a Serra da Bobia en primeiro termo. Ao sur e en todo o entorno o que se ve é o propio concello de Trabada que nesta parte está poboada de fragas, temos á vista a de Vilapena, a da Becerreira e a de Teixido.
Báixase por un carreiro cara ao leste ata pasar regresar ao tendido de alta onde se sigue en dirección oeste pasando por un refuxio ata unha encrucillada , e báixase en dirección á Fraga da Becerreira, entrando nela para buscar e seguir as marcas que neste tramo son para ambas rutas, así se baixa ao río desde onde xa se ve o punto de partida.
                                                                                              Teresa Díaz Estévez