domingo, 8 de abril de 2018

De Medal á Caridad


Actualmente o tren, pola mañá, non para en Cartavio, hai que continuar camiñando ata a Caridad


Trazado: Wikiloc 

Concellos: Coaña  e o Franco                                   
Parroquias: Medal, Cartavio, Viavélez
Distancia: 14 km
Transporte: FEVE
Sinopse: Dende a parada de FEVE en Medal,  vaise cara ao norte e ao oeste, ata chegar ao mar para camiñar á súa beira ata chegar á praia de Pormenande desde onde se volve ao tren, na Caridad.
Percorrido: No apeadoiro de Medal hai tres estradas, este paseo comeza indo á esquerda, en dirección oeste. Continúa pola segunda pista asfaltada á dereita para ir cara ao mar, á praia da Figueira, con  300 m de cantos e gravas que desaparecen na preamar. 

Sobre o cantil, no estremo da praia na Punta A Figueira, está o castro de Medal actualmente sen destapar, no que son visibles dous foxos, dous parapetos.Desde a praia sae un camiño de terra, que á beira do Río Pinto vai cara a Loza, ao chegar á primeira casa vaise en liña recta cara ao mar,  primeiro por unha estrada asfaltada e despois por unha senda entre piñeiros que vai bordeando a costa ata dar nun vértice xeodésico. 

Séguese por un carreiro ata asomarse no alto dos cantís para ver a punta do Castello e cabo Blanco . Agora hai que separase da costa, pola beira dos prados, para salvar a desembocadura dun regato. A continuación vólvese a costa para camiñar entre o millo e o mar ata chegar ao estremo da praia de Torbas. 

Para baixar á praia hai que ir por unha pista de terra en dirección sudoeste ata a estrada de acceso á praia.Desde Torbas continuamos pola senda costeira, á sombra de frondosas, ata a praia de Pormenande, en baixa mar pode atravesrase para subir xunto ao pazo de Jardón e seguir cara a Caridade e á estación de FEVE onde subiremos ao tren para estar en Ribadeo ás 18:35                                                                                                        Teresa Díaz Estévez