Concello: Trabada.
Distancia: 8 quilómetros
Sinopse: É unha das cinco rutas perfectamente sinaladas que ten o concello de Trabada, das que tamén dispón de folletos informativos.
Percorrido: Arranca este paseo da area de lecer do Chao do Couso, na estrada provincial nº 55; aproximadamente a 8 km deTrabada en dirección a Riotorto. Unha subida inicial de 123 m de desnivel a salvar en 2 km leva ao Picato, unha das maiores alturas da Serra da Cadeira. Á esquerda, o Val de Lourenzá saíndo ao Cantábrico polo Río Masma.
Pechando o Val vese a Serra Toxiza, a Frouxeira e Cornería e por detrás a Serra do Cadramón. Ao norte aparece a Mariña Lucense e unha gran parte da costa occidental Asturiana. Á dereita vense os pobos que foron medrando ao longo do Río Éo e atrás deles a Serra da Bobia en primeiro termo. Ao sur e en todo o entorno o que se ve é o propio concello de Trabada que nesta parte está poboada de Fragas, temos á vista a de Vilapena, a da Becerreira e a de Teixido.
Báixase por un carreiro cara ao leste ata pasar por baixo dun tendido de alta onde se sigue en dirección oeste pasando por un refuxio ata unha encrucillada , desde a que se podería retornar ao punto de partida, con percorrido total de 5 km. Baixando en dirección á Fraga da Becerreira, sen chegar a entrar nela, vaise dando a volta pola cara noroeste do Monte Campelas saíndo a unha pista ancha de terra que, sempre con Vilapena ao fondo, vai indo cara ao punto de partida. Neste percorrido a distancia é de 7,8 km e o desnivel de 238m
Teresa Díaz Estévez