sábado, 7 de abril de 2018

Ruta do vento

Concello: Trabada              
Parroquia
Distancia: 11 km
Desnivel: 330 m
Como chegar: Unha vez en Trabada  hai que ir en dirección a Riotorto pouco mais de sete quilómetros, chegando a un área recreativa onde comeza  e remata o paseo.
Percorrido: Séguese a estrada en dirección a Riotorto, 300 metros, para entrar por unha pista á esquerda que sobe moi suavemente entre piñeiros silvestres e pastos nos que se ven as greas de cabalos que viven no monte.  
Pasado  o Chao Grande, está o alto de Cerrochán, con boas vistas de algúns dos vales do Concello de Trabada. En dirección surlés, a lousa presente na pista indica a proximidade dunha canteira que ten o seu panel explicativo. 
Comeza a baixada de novo entre piñeiros silvestres, ata chegar a unha pista na que se colle á esquerda, por un bosque de piñeiros diferentes aos anteriores. Logo de  900 metros atravesa un cortalumes, polo que se baixa ate un camiño que cara á esquerda entra na fraga de Cabanela, cun novo cambio na vexetación, de fermosas cores no outono.   
Antes de saír da fraga hai a opción de subir ao alto da Pena Gorda e contemplar agora os vales de Vilaformán e Vilapena. 
De volta á ruta do vento, media hora despois, sóbese a unha pista que bordea a fraga de Vilapena. Logo de 1,6 km, pasado un depósito de auga, sóbese cara a esquerda e tras unhas curvas pechadas o camiño volve a ser chan até saír a estrada comarcal que vai a Vilapena. De novo á esquerda xa está á vista o punto de partida.  
Teresa Díaz Estévez