mércores, 11 de abril de 2018

Paseo por Vilaselán e Piñeira

Concello: Ribadeo                       
Parroquias: Vilaselán e Piñeira                
Percorrido: Iníciase este paseo na a Illa Pancha, cara ao oeste, pásase fronte a Subrilada e o Mourón para chegar á praia das Areosas, e atopar o paso interrompido por unha parede de toxos que impide chegar ao Río de Vilaselán. Hai dereito de paso, pero non se pasa, é preciso rodear a finca particular, e a depuradora por onde en tempos houbo outra entrada, para atopar o camiño que vai xunto ao río ata a depuradora alí pasalo e subir polo piñeiral da outra marxe. Esta puidera ser a parte mais bonita do paseo.            
Camiñando sobre as praias do Niño do corvo e da Cova da palla, chégase ao primeiro dos foxos defensivos do castro de Vilaselán, ao segundo e ao terceiro, para estar no lugar do castro, fronte á Insua; por poñente o foxo é natural,  o Ollo de Vilaselán.            
Aquí éntrase en Piñeira onde o camiño é cómodo, pasa polo Gallín, rodea a enseada da Olga da Arnela, pasa As longas e a praia da Areosa. A seguinte enseada é O loureiro que remata na península de Celeirós, cortada pola desembocadura do Río de Piñeira, no Portal, dentro da enseada da vella ou da abella.            
Chégase así ao castro de Piñeira, no que se ven perfectamente os primeiros foxos antes de chegar fronte a Illa do Castro, (o mesmo que a Insua, nestas illas dos castros tiveron lugar, probablemente, os primeiros asentamentos de poboación.)  Os foxos do outro lado vese que foron unidos para dar lugar a unha terra de labor. A continuación están os Baixos de Fornelos na saída ao mar do Rego do Couso, onde remata a costa de Piñeira.           
Nada máis entrar a Vilaframil hai un lugar  para descansar e comer.Desde alí  regrésase  a Ribadeo polas pistas de concentración parcelaria,  practicamente en liña recta.  
                                                                             

      Teresa Díaz Estévez