Concello: Ribadeo
Parroquia: Santalla de Vilausende
Lugar: Lourido
Como chegar: Na estrada de Ribadeo á Veiga, despois de pasar a ponte de Reme, aparece o indicador de Lourido, nada máis entrar nesa dirección, déixanse os coches.
Percorrido: comeza o paseo, subindo a costa e ampliando a vista panorámica da ría. Ao chegar ao bosque hai que entrar por unha pista á dereita, que logo se bifurca, o camiño da dereita volve cara á ría, o da esquerda ( case pechado os primeiros metros) é o que se ten que seguir para ir paralelos ao Río Grande, atravesando a fraga. Cando o camilo remata nuns prados á beira do río, haberá que subir por un carreiro a buscar unha pista forestal que continúa subindo ata a estrada que vai a Santalla.
Por detrás do casarío que da á estrada, vai un camiño que logo de pasar xunto a un poste de telefonía atravesa a estrada de Santomé para entrar nun bosque con foxos e muros que defenden os restos das paredes de edificacións circulares que houbo neste castro. A continuación hai prados con vacas, así que é conveniente retroceder á estrada e seguir por ela ás primeiras casas de Vilaosende, onde entra unha pista cara á dereita que se bifurcará aos poucos metros. Déixase o desvío da dereita, que vai a Santomé, e séguese o da esquerda que leva á Atarola.
Ao chegar á estrada, con atravesala xa se atopa o camiño a seguir, unha senda co piso de herba desde a que se ven os meandros do Río Eo. Ao chegar Á Venda, en Couxela, atravésase a estrada, e o camiño continúa, en suave ascensión, ata culminar nos prados de Carbón, para baixar por un carreiro ao Carbón, e seguir agora por estrada á Santalla e máis adiante, no cruce, por a dereita, ir cara a Lourido. Nesta zona a panorámica a contemplar é a da Veiga.
Antes das casas, entre prados baixa un carreiro que chega a vía do tren de Vilaodrid, e seguíndoa cara a Ribadeo, dáse no punto de partida
Teresa Díaz Estévez